Saturday 04 de May de 2024

O Concello reclama unha conexión da internet que cubra as necesidades de todas as veciñas e veciños de Miño


A rede de fibra non chega nin ao 30% da poboación.
A situación de confinamento pasada nos últimos meses puxo de manifesto a enorme fenda dixital que segue existindo nos pobos. Cando os movementos de todos estaban limitados ás paredes dos seus domicilios e practicamente todas as xestións tiñan que facerse por vía telemática, máis do 70% da poboación de Miño tivo que enfrontarse a unha moi deficiente cobertura da internet.
A pesar de que en Miño a poboación crece de forma sostida desde hai anos, superando xa os 6.200 habitantes e de que hai fibra óptica instalada as operadoras non facilitan o acceso aos potenciais clientes. De feito, e como informa o concelleiro de Novas Tecnoloxías Santiago Gómez “danse casos que habendo fibra a 10 metros non se atende ao cidadán, e esta situación dáse en pleno centro de Miño. Aínda que na zona do rural sabemos que Telefónica está a despregar fibra óptica, á hora de contratar os veciños o acceso á devandita liña de fibra eternízase e na maioría dos casos dáselles longas”.
Desde o Concello laméntase das queixas de centos de cidadáns que tras solicitar o acceso ao servizo da internet a alta velocidade reciben longas ou ben se lles di que contacten co Concello porque é responsabilidade da administración local.
A administración local só actúa no caso de que a compañía de telecomunicacións solicite permisos para poñer algún poste ou realizar gabias. Os permisos que estaban solicitados no Concello por parte de diferentes operadoras a día de hoxe están concedidos e visados, e por tanto calquera atraso ou obstáculo para a instalación será responsabilidade da compañía ou doutras administracións e non do Concello de Miño.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destaca a importancia de dispoñer de conexión a Internet en todas as zonas do territorio municipal. “En 2020 este servizo é tan esencial como o teléfono ou a electricidade, e o confinamento así o confirmou. Non se pode esperar que a xente quede no rural se se carece de conexión a internet, fiable e estable. Queremos que en todo Miño póidase traballar, estudar ou facer trámites online, independentemente do lugar de residencia”.